Familia Viaxeira dispoñible!

Os Patrucios (a familia viaxeira do Equipo Escornabot) xa están de novo dispoñibles!

Despois dunhas tremendas experiencias no CEIP Victor López Seoane de A Coruña, das que axiña teredes ampla documentación na escornawiki, os escornabots viaxeiros están dispostos a facerse ao camiño e coñecer novos horizontes!

Family Picture

Se es mestra ou mestre e queres que os Patrucios vaian polo teu cole, podes facer xa a túa solicitude.

Como sabemos que hai moita xente con ganas de recibilos, imos poñernos exquisitos e pedirvos que saquedes as medallas do caixón e nos amosedes todo o marabilloso que facedes no voso centro. Mandádenos no correo un resumo de por que deberiamos poñervos de primeiros na lista de espera da famila dos Patrucios. Non é preciso que vos estendades moito, o que quereríamos ver é que vos gusta tanto como a nós difundir e compartir o voso traballo cos demais, así que incluíde todas as ligazóns a blogs, webs, redes sociais... que amosen que non vos quedades para vós o que facedes e sabedes.

Se ademais traballades no voso cole con Software Libre, aínda mellor! (calquera cousa conta, desde usar LibreOffice nos vosos documentos ata ter Linux instalado na aula de informática). Por cuestións prácticas, tamén teremos que valorar a cercanía do voso colexio ao centro de operacións do Equipo Escornabot, situado en A Coruña, xa que nos gusta estar a man para calquera eventualidade.

Unha última condición que tamén é unha oportunidade... xunto coa familia irá un escornabot en pezas que teredes que montar durante o tempo que teñades con vós aos Patrucios! Dese xeito, aprenderedes non só a usar o escornabot, senón tamén a construílo, e ademais colaboraredes coa comunidade cun novo escornabot viaxeiro que irá polos centros de Galicia dando fe da vosa aportación ;)

Tedes de prazo para mandarnos a vosa solicitude ata o día 18 de Xaneiro, e nesa mesma semana publicaremos o centro que recibirá a visita dos Patrucios.

E se es membro dun hackerspace, unha asociación de veciños, ou calquera colectivo que poida querer participar da cultura libre levando a robótica aos nenos e nenos de calquera parte do mundo, lembra que podedes crear a vosa propia familia viaxeira e inscribila no rexistro!