Xornada escornabótida

Que é unha Xornada Escornabótida?

Para desenvolver unha Xornada Escornabótida oficial, certificada e titulada, só tes que facer dúas cousas:

  1. Xunta un grupo de persoas e poñédevos a montar escornabots.
  2. Deixa os escornabots montados a disposición dun público infantil que os poida usar e iniciarse así no marabilloso mundo da robótica, a programación e a cultura maker.

O grupo de persoas pode ser calquera, unha panda de amigos e amigas, unha asociación veciñal, un makerspace, o claustro dun colexio… o lugar onde vaian quedar os escornabots ten que ser accesible para un público o máis xeral posible (un ou varios colexios, unha biblioteca, un museo, un local social…).

Se podes cumplir as dúas condicións anteriores, podes organizar unha Xornada Escornabótida certificada!

Certificado de Xornada

Como organizo a Xornada?

Como queiras… e como poidas! :)

Normalmente, empezariamos por definir cantas persoas vos ides xuntar e cantos robots ides montar. En función disto, o seguinte sería comezar a conseguir as pezas. Se ides pedir ao Lonxano Oriente, teredes que agardar unhas semaniñas a que vaian chegando os ansiados paquetes "Hong Kong Post", así que podedes aproveitar para ir botándolle un ollo ás guías de montaxe e imprimindo as proteínas (pezas impresas en 3D).

É moi posible que non teñas acceso doado a unha impresora 3D, nese caso, podes tentar contactar con algún clube local ou localizar unha impresora cercana.

En canto teñas todo o material, só vos falta xuntarvos e montar os robots… Fácil, non si?

Un Escornabot

Que coñecementos hai que ter?

Montar as botoneiras require ter unha experiencia mínima na soldadura electrónica, aínda que é un bon proxecto para iniciarse no excitante mundo dos fundidores de estaño. Cargar o software no Arduino é sinxelo, pero terás que ter instalado o Arduino IDE. Modificar os parámetros necesarios para que o voso escornabot funcione é moi doado se tedes un chisquiño de experiencia en programación. Se non a tes, hai unhas instruccións.

Como xa estarás pensando, conseguir líar a alguén cunha pouca rodaxe nestes campos será moi útil para desenvolver a Xornada Escornabótida.

Que conseguimos coas Xornadas Escornabótidas?

Aprender, pasar un rato xuntos, a satisfacción de ter construído algo por ti mesmo, o orgullo de ter aportado á comunidade, a alegría que se levarán os nenos e nenas que xoguen cos escornabots, o ben que o pasarán e… tamén vos daremos un certificado asinado polo mesmísimo Escornabot Cervus! (si, o equipo escornabot non é inmune ao malévolo e poderoso influxo dos certificados oficiais). Saca moitas fotos e moi bonitas, mándanolas ao noso correo ou compárteas con nós en Twitter ou Google+, e te enviaremos o certificado para que poidas chulearte moito con el :)